viernes, mayo 08, 2009

CC OO reclama un pacto pola economía, a industria e a protección

Logo de oito meses consecutivos de suba, o desemprego baixou no mes de abril

05-05-2009.- O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CC OO) reclama do Goberno da Xunta a revitalización do diálogo social «como mellor instrumento para sacar a Galicia da situación en que se atopa». O sindicato insta ao cumprimento das medidas recollidas no Acordo polo Emprego e no Plan de Competitividade e a propiciar un plan de choque contra a crise «que amplíe a protección por desemprego das persoas que esgotan as prestacións, que incorpore medidas destinadas a favorecer a liquidez das empresas para garantir a súa viabilidade e o mantemento do emprego».

As reaccións do sindicato chegan ao se coñecer os últimos datos do paro. Logo de oito meses consecutivos de suba, o desemprego baixou en abril en 822 persoas (0,39 %). Desde a Secretaría de Emprego, Economía Social e Autoemprego de CC OO estímase que a baixada «posiblemente» se deba ao impacto da Semana Santa e do 'Plan Zapatero'.

Con estes datos, a cifra total de desempregados en Galicia sitúase en 210.662 persoas, das que 94.243 son homes e 116.419 son mulleres (o 55,26 %). Os menores de 25 anos representan este mes o 10,52 % dos parados (22.160 mozos). No conxunto do estado medra o desemprego un 1,09 % (39.478 persoas).

O desemprego baixa máis nas mulleres (485, un 0,41 %) ca nos homes (337, un 0,36 %). Os parados menores de 25 anos diminúen en 586, un 2,58 % e os de máis idade en 236, un 0,13 %.
O número de parados diminúe no sector dos servizos (1212 menos, un 1,01 %) e da construción (328 menos, un 1 %); aumenta no resto de colectivos, por esta orde: no de sen emprego anterior (612 máis, un 3,37 %), na agricultura (54 máis, un 0,97 %) e na industria (52, un 0,15 %).

En termos interanuais, medra o desemprego en 50.913 persoas, un 31,87 % (23,99 puntos menos que no conxunto de España, o 55,86 %). En termos relativos, Galicia é a comunidade onde menos medra o paro, só a cidade autónoma de Melilla ten un crecemento menor. Os desempregados aumentan en 33.533, un 55,23 %, e as desempregadas en 17.380, un 17,55 %. Os parados mozos aumentan en 6.359, un 40,24 % e os de máis idade en 44.554, un 30,95%.

No mes de abril concertáronse 51.244 contratos: 5969 indefinidos (o 11,65 % dos asinados, 0,84 puntos por riba da do estado) e 45.275 temporais; as mulleres asinaron o 48,40 % dos contratos e os mozos e mozas o 20,31 %. En comparanza co mes de marzo, o número de contratos medrou en 2122, un 4,32 % (en España diminuíu 2,80 %); a contratación indefinida baixou un 3,35 %. En termos interanuais, diminuíu a contratación en 16.791, un 24,68 % (no conxunto do estado baixa un 29,34 %) e a indefinida un 30,29 %.

En Galicia, a afiliación media á Seguridade Social en abril foi de 1.029.597 persoas; destas, 749.393 pertencen ao réxime xeral, 230.204 ao réxime de autónomos e 50.000 aos diversos réximes especiais. Descende a afiliación con respecto ao mes de marzo en 2.274 afiliados menos, un 0,22 %, e faino en case todos os réximes (no xeral 1.544 persoas, un 0,21 %); medra o especial de autónomos e non rexistra variación o da minería e carbón. En termos interanuais rexistráronse 50.763 afiliados menos, un 4,70 %.

Etiquetas:


Comments: Publicar un comentario



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?