martes, marzo 10, 2009

POLA DEFENSA DO EMPREGO, MAIOR PROTECCIÓN SOCIAL




















Desde CC OO chamamos a participar na manifestación que terá lugar en Ferrol o día 10 de marzo e que sairá do Inferniño ás 19:00 horas.
Conmemoramos de novo o Día da Clase Obreira Galega. Foron acontecementos, os do 10 de marzo do ano 1972, que convulsionaron Ferrol, Galicia e o estado. Acontecementos que puxeron de relevo o carácter ditatorial e represor do réxime franquista pero, ao mesmo tempo, a aspiración ás liberdades e á democracia que se ía estendendo gradualmente por toda Galicia, por toda España.
O dereito á negociación colectiva, o dereito a uns salarios dignos e unhas condicións laborais decentes, que defendían os traballadores de Bazán de Ferrol, eran negados rotundamente por unha ditadura que entraba na súa fase derradeira pero que asestaba gadoupadas criminais en forma de asasinatos, disparos e cargas policiais, detencións, cadea e despedimentos.
A loita de Ferrol, de toda Galicia, buscaba solución a problemas moi concretos da clase traballadora, nos aspectos sociais, nos aspectos económicos; tamén buscaba a conquista das liberdades democráticas, das liberdades políticas.
Hoxe temos democracia, dereito a manifestarnos, a expresarnos, á negociación colectiva; pero hai problemas moi importantes que afrontar e demandamos solucións para eles. A presión e a mobilización teñen que ser instrumentos para impedir que a crise económica golpee en exclusiva os traballadores, en especial aqueles colectivos máis vulnerables. A mobilización non desbota a necesidade de negociación e de diálogo social; pola contra, debe facilitar que as nosas demandas se abran paso para amortecer os efectos da crise e propiciar unha saída dela.
Esa saída á situación económica non é tan doada como trataron de facernos ver. Houbo reticencias por parte dos poderes públicos para aceptar a gravidade da situación; posteriormente, apuntouse que podía iniciarse a remontada no segundo trimestre deste ano. A pesar das dificultades para facer prognósticos, temos que dicir que, polo menos durante este ano e o seguinte, imos vivir unha situación complicada que require medidas máis drásticas e incisivas ca as aplicadas ata o momento.
En Galicia finalizaremos o ano 2008 cun 9,7% de desemprego (segundo os datos da EPA), un 2,2% máis que a finais do 2007. Os datos de afiliación á Seguridade Social indican unha caída do 2,6%. Hai 34.921 parados máis ca no ano anterior. Estamos entrando nunha fase de recesión económica. Malia ser verdade que a taxa de desemprego é inferior á da media do Estado, cómprenos relativizar conceptos como o do «plus de resistencia» de Galicia fronte á crise, xa que a debilidade do noso tecido produtivo pode facer que a evolución posterior sexa máis desfavorable.
En todo caso, as medidas impulsadas polo Goberno do Estado, aínda que en parte apuntan na dirección correcta, son insuficientes, non teñen a intensidade necesaria e baten con problemas para a súa execución. As medidas iniciais concretáronse en catro bloques:
— As destinadas á recuperación da confianza e a estabilidade do sistema financeiro (garantías para o depósito dos clientes, concesión de avais ás entidades financeiras e posibilidade de compra de títulos destas).
— Liña de crédito ICO-PEME de préstamos e avais.
— Financiamento de novos investimentos no ámbito local por valor de 8.000 millóns de euros para o 2009.
— Diversas medidas destinadas a impulsar a actividade económica (dedución de 400 euros no IRPF, anticipo de deducións por compra de vivenda, subvencións para traballadores desempregados, moratoria no pagamento de préstamos hipotecarios, bonificacións nas cotas empresariais á Seguridade Social, actuacións públicas en I+D+i, sector automoción, rehabilitación de edificios públicos, etc.).
Tamén o Goberno autonómico adoptou diversas medidas de apoio a sectores específicos e no marco do desenvolvemento dos Acordos para o emprego e o Acordo de competitividade. Pero esas medidas, e sobre todo esas actuacións, como diciamos antes, non abondan e faise necesaria unha proposta sindical ampla en demanda de medidas incisivas no sector público e no sector privado e un reforzamento da protección social, en especial para as persoas desempregadas.
Estes serían os eixes das medidas que demandamos desde CC OO:
1.º Programa de investimento público que aposte pola anticipación de obra pública, tanto no que se refire á dotación de infraestruturas físicas como tecnolóxicas, que ademais de soster a actividade do sector da construción sente as bases da necesaria transformación do modelo produtivo español.
2.º Acción concertada do conxunto das administracións públicas e o sector privado para promover programas de vivenda pública, prioritariamente en réxime de aluguer, que recolla tanto os problemas asociados á disposición de solo como o stock de vivenda nova existente e o acceso ao financiamento. Unha ambiciosa política de aluguer que permita reducir o prezo real pagado polos traballadores e traballadoras ao 30% dos seus ingresos.
3.º No marco do desenvolvemento de políticas sociais do estado do benestar, articular un plan para a aplicación da Lei de atención ás persoas en situación de dependencia.
4.º Impulso a un programa para a extensión da educación de 0 a 3 anos.
5.º Plan de choque industrial, que debe ir máis alá de afrontar determinadas situacións de crise conxuntural nalgúns sectores produtivos relevantes como é o caso do automóbil. Un plan que debería prever, nunha visión a medio prazo, os eixes sobre os que debe establecerse a recuperación industrial:
— eficiencia enerxética e redución de emisións;
— políticas públicas e privadas de apoio á investigación e o desenvolvemento e innovación, co obxectivo de achegar o gasto aos niveis formulados polo Cumio de Lisboa.
— Negociación da Lei de ciencia.
6.º Formación ao longo da vida. Impulsar e mellorar a formación profesional regrada e a formación para o emprego. As reformas lexislativas dos últimos anos han servir para impulsar o desenvolvemento e o recoñecemento social da formación profesional no marco dos obxectivos de Lisboa. Adicionalmente, tal e como prevé a Declaración de xullo de 2008, «As políticas de emprego han facilitar a mellora do acceso á ocupación así como as competencias profesionais de todas e todos os traballadores, con especial consideración aos que teñan menor participación e aos que presentan maiores dificultades».
7.º Medidas encamiñadas á mellora da protección por desemprego. Trataríase, no caso das prestacións por desemprego no nivel contributivo, de incrementar os períodos de prestación, de forma que a prestación mínima sexa de 180 días e non de 120 como é actualmente, e de que vaia aumentando progresivamente por cada tramo. Nas prestacións de nivel asistencial, trataríase de suprimir o requisito de responsabilidades familiares para que os menores de 45 anos poidan acceder ao subsidio por desemprego. No tocante á contía do subsidio, é de 421,79 euros/mes para o ano 2009, mentres que o importe mensual do IPREM é de 527,24 euros/mes. A contía do subsidio é notablemente insuficiente, polo que o seu importe debería incrementarse ao 100% do IPREM. Polo que se refire á renda activa de inserción (RAI) e na situación actual, podería considerarse a supresión do requisito de ser maior de 45 anos de idade e reducir o período de permanencia interrompida durante doce meses.
8.º Expedientes de regulación de emprego. As medidas para adoptar serían as relativas á reposición das prestacións por desemprego nos ERE de suspensión de contratos de traballo. Propoñemos, ao tempo, unha reforma puntual sobre a normativa dos ERE para reforzar os seus plans sociais.
9.º É unha prioridade, xunto co fortalecemento da estabilidade e a solvencia do sistema financeiro español, que o crédito flúa cara ás empresas e familias.
Certamente, as liñas abertas a través do ICO, aínda que van polo camiño correcto, arrastran limitacións que están a afectar fundamentalmente as pequenas e medianas empresas; superar estas limitacións desde a acción concertada entre a iniciativa pública e as entidades financeiras requirirá, tamén, de novas liñas de avais desde as comunidades autónomas, que vaian dirixidas á pequena e mediana empresa.
Tamén é necesario acometer o debate sobre a participación pública no sistema financeiro español. Para poder adoptar todas estas medidas, no ámbito que corresponda, estatal ou autonómico, é preciso recorrer ao déficit orzamentario e tamén reverter as modificacións fiscais que se adoptaron irresponsablemente, en especial a desaparición do imposto sobre patrimonio.
De dárense medidas de aprazamento ás cotizacións da Seguridade Social para empresas en crise, terían que ser cun control rigoroso da Administración, coa intervención e acordo dos representantes sindicais, con garantías de viabilidade e compromisos de mantemento do emprego.
Rexeitamos as medidas reclamadas por sectores empresariais de abaratamento do despedimento, redución de impostos e cotas sociais e conxelación dos salarios. Por desgraza, algunha destas medidas foi apoiada polo gobernador do Banco de España.
As duras posicións da patronal teñen o seu reflexo na negativa da CEOE a renovar o Acordo de Negociación Colectiva (ANE) para o 2009. As pretensións de impoñer unha banda salarial inferior á previsión do IPC, dotar as empresas de maior capacidade para a non aplicación dos incrementos salariais, a desaparición das cláusulas de garantía salarial, van acompañadas do condicionamento do acordo a outras medidas que pretenden no acordo tripartito (Goberno, patronal e sindicatos) e que incluían redución de cotas á Seguridade Social e de impostos, medidas contra o absentismo, flexibilización do mercado de traballo e privatización da súa mediación.
De non se dar a renovación do ANC, temos que abordar a negociación colectiva xa, defendendo o mantemento do poder adquisitivo dos salarios, a súa mellora ligada á produtividade, a xeneralización das cláusulas de garantía salarial e as nosas propostas en materia de emprego e contratación, mellora nas condicións de traballo, políticas de igualdade, saúde laboral, negociación dos tempos de traballo e descanso, garantir a participación sindical, etc.
Chamamos o movemento sindical a mobilizarse conxuntamente connosco en futuras convocatorias para demandar medidas efectivas diante da situación económica e da crise, para defender os dereitos dos traballadores e traballadoras e a protección ás persoas desempregadas, para defender a negociación colectiva, os salarios, o emprego e os dereitos laborais.
Pola defensa do poder adquisitivo dos salarios,
por convenios colectivos dignos e pola súa aplicación,
polo emprego, pola protección social,
pola defensa e mellora do estado social,
pola igualdade,
pola seguridade e a saúde laboral,
por unha saída equilibrada á crise,
por un cambio de modelo produtivo,

Amador e Daniel, sempre na nosa memoria!

Viva o 10 de Marzo! Viva a clase obreira galega!

SINDICATO NACIONAL DE CCOO DE GALICIA

Etiquetas:


Comments: Publicar un comentario



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?