miércoles, febrero 25, 2009




















8 DE MARZO DE 2009, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER NO TRABALLO E NA SOCIEDADE, IGUALDADE E CORRESPONSABILIDADE

Ante a celebración dun novo 8 de Marzo, a Comisión Executiva do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia manifesta o seu compromiso de continuar traballando activamente para mellorar e garantir os dereitos sociais e laborais das mulleres mediante o fortalecemento das políticas de xénero no emprego, no sindicato e na sociedade.
A actual situación de crise económica que atravesa España, que está a supoñer unha forte destrución e precarización do emprego, debe implicar un maior compromiso e desenvolvemento da acción sindical a través da negociación colectiva e do diálogo social, para impulsar e posibilitar con medidas eficaces a recuperación do emprego e a garantía da protección social, sobre todo dos colectivos máis vulnerables e con risco de exclusión social.
Comisións Obreiras traballará activamente por:
o Avanzar na igualdade laboral entre mulleres e homes, promovendo e demandando o desenvolvemento de políticas activas e o desenvolvemento da Lei de igualdade no marco do diálogo social, para favorecer o acceso das mulleres a un emprego de calidade e contribuír á eliminación da persistente discriminación por razón de sexo no mercado de traballo.
o Facer efectiva a igualdade de xénero mediante o pulo, promoción e participación na elaboración e incorporación de plans e medidas de igualdade nas empresas a través da negociación colectiva.
o Estimamos moi positiva a incorporación paritaria de homes e mulleres aos órganos de dirección nalgúns dos procesos congresuais celebrados, especialmente no Congreso Confederal, que deberá continuar favorecendo unha maior participación de mulleres nas comisións executivas, nas mesas de negociación e nas candidaturas das eleccións sindicais, o cal redundará no crecemento afiliativo e representativo de traballadoras e traballadorescomo a nosa historia sindical o demostra.
Comisións Obreiras reivindica e comprométese a:
o Desenvolver políticas formativas e de sensibilización en materia de igualdade e non discriminación por razón de sexo, que estimulen os necesarios cambios en valores, actitudes e papeis sociais adxudicados a homes e mulleres, e contribúan a unha maior sensibilización e intervención na prevención, tratamento e erradicación de todas as formas de violencia contra as mulleres, especialmente o acoso sexual e o acoso por razón de sexo no ámbito laboral.
o Seguiremos requirindo do Goberno da Xunta de Galicia medidas de investimento social para superar o considerable atraso e deficiencia na creación dos servizos públicos, fundamentalmente naqueles relacionados coa universalización da educación infantil e o desenvolvemento na aplicación da Lei de dependencia, xa que isto, desde o noso punto de vista, sería económica e socialmente rendible.
o É imprescindible avanzar en políticas efectivas de conciliación da vida laboral, persoal e familiar e na negociación dos tempos de traballo para avanzar na corresponsabilidade entre mulleres e homes.
o Esixir ao Goberno do Estado e mais á Xunta de Galicia a aplicación efectiva da Lei contra a violencia de xénero así como o desenvolvemento do Programa de inserción sociolaboral para mulleres vítimas de violencia de xénero e do Plan de atención e prevención da violencia de xénero na poboación inmigrante, facendo máis eficaz a súa colaboración co conxunto das Administracións públicas e institucións, coas que CCOO reforzará a súa implicación e compromiso.
o Solidarizámonos coa demanda social dunha nova normativa que asegure as condicións necesarias para que as mulleres poidan exercer o seu dereito a interromper o embarazo e que a súa decisión poida levarse a efecto na rede sanitaria pública, sen penalizacións legais, sociais, morais ou policiais. Son igualmente imprescindibles políticas integrais en materia sexual e reprodutiva que inclúan a educación sexual no currículo escolar e garantan a información e acceso aos métodos anticonceptivos, incluída a píldora de emerxencia, dentro das prestacións da Seguridade Social.
o Previr, combater e eliminar a explotación e o tráfico sexual de mulleres e menores, promovendo o desenvolvemento de medidas que protexan de forma adecuada as vítimas.Para lograr este obxectivo, consideramos un importante avance a aprobación do Plan integral de loita contra o tráfico de seres humanos con fins de explotación sexual.
Finalmente, Comisións Obreiras denuncia a persistencia dos conflitos bélicos en distintas partes do mundo, que producen a vulneración dos dereitos humanos con terribles consecuencias para a poboación civil e, en particular, para as mulleres, instando as autoridades e organismos internacionais competentes a intensificaren as súas actuacións a prol da resolución definitiva e xusta dos conflitos.Comisións Obreiras chama á participación activa nos distintos actos e manifestacións convocados en conmemoración do Día Internacional da Muller.

Etiquetas:


This page is powered by Blogger. Isn't yours?